Un SI responsable ao PXOM para non seguir esmorecendo
Betanzos leva demasiado tempo esperando polo seu futuro. Exactamente, levamos 30 anos funcionando cunhas normas urbanísticas do século pasado, pensadas para unha realidade socioeconómica e demográfica que xa non existe. Tres décadas nas que o noso concello foi acumulando atrasos, bloqueos e oportunidades perdidas.
Por iso, desde o PP de Betanzos decidimos votar a favor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Non porque pensemos que sexa o PXOM ideal, que non o é, nin porque compartamos a forma -claramente mellorable- na que o goberno local xestionou todo o proceso. Votamos a favor porque, chegados a este punto, había algo moito peor que un plan imperfecto: seguir sen plan.
Ás veces, gobernar, e tamén facer oposición, consiste en asumir decisións incómodas, pero responsables e necesarias. E esta foi unha delas. Porque temos claro que o peor urbanismo é non ter urbanismo.
Se o PXOM non saíse adiante, corriamos o risco de quedar atrapados durante outras dúas décadas nunha parálise urbanística incompatible co progreso, xa que as consecuencias serían a perda de veciños e investimentos, a imposibilidade de solucionar problemas estruturais e, en xeral, a perda de oportunidades de futuro.
Sen PXOM habería menos vivenda. E iso significaría aínda máis dificultades para a mocidade que quere emanciparse, para as familias que buscan asentarse ou para quen quere regresar a Betanzos e non atopa opcións.
Sen PXOM, tamén habería menos posibilidades de crecemento económico. Menos seguridade xurídica para investir, máis dificultades para desenvolver actividades empresariais e máis obstáculos para atraer emprego e riqueza.
Porque o urbanismo non vai só de rúas, alturas ou planos. Vai do modelo de cidade que queremos ser, vai de decidir se queremos un Betanzos resignado ou ambicioso.
Agora ben, apoiar o PXOM non significa renunciar á crítica nin conceder un cheque en branco ao goberno de María Barral. Ao contrario, seguimos pensando que o PXOM chega tarde, que lle falta ambición e que perdeu a oportunidade de ser máis transformador.
Pero nós sabemos distinguir entre discrepancia e bloqueo. No PP temos claro que facer oposición non consiste en dicir “non” por sistema nin en converter os intereses electorais nunha trincheira política, porque hai momentos nos que a responsabilidade debe pesar máis que o cálculo partidista.
Dicir “si” ao PXOM foi votar a favor de desbloquear Betanzos. Foi dicir “si” á posibilidade de avanzar, aínda que sexa máis lentamente do que nos gustaría. Porque hai algo peor que avanzar pouco: quedar quietos mentres os demais avanzan. E cando un concello queda quieto demasiado tempo, en realidade está a retroceder. O tempo dará e quitará razóns, pero nós tiñamos claro que nesta ocasión había que elixir a opción menos mala. E eliximos non condenar a Betanzos a seguir esmorecendo.