Transparencia e respostas, non silencios
Hai momentos na vida política dun concello nos que deterse a analizar a situación e a render contas á veciñanza non debería ser unha opción, senón unha obriga. Cando van aló tres anos de mandato e apenas quedan 13 meses para as Eleccións Municipais de maio de 2027, en Betanzos estamos nese punto.
O Regulamento Orgánico Municipal contempla unha ferramenta clave para este exercicio de transparencia, o Debate anual do estado do municipio, un espazo pensado precisamente para facer balance e para que o goberno local dea explicacións da súa xestión e para que os demais grupos políticos poidamos confrontar modelos, propostas e resultados. Este debate, máis que un trámite para cumprir coa oposición, debería ser unha mostra de respecto cara á veciñanza, pero a realidade é que segue sen convocarse e por iso presentamos unha moción para solicitar a súa celebración.
No caso de Betanzos non é unha cuestión menor, porque cando non hai explicacións, o que hai é opacidade; e cando non hai balance nin planificación, o que hai é improvisación. E neste concello levamos tres anos acumulando preguntas sen resposta; preguntas que comparten moitos comerciantes, autónomos e empresarios, que son quen mellor coñecen o pulso real da rúa.
A realidade política do noso concello é que arrastramos problemas enquistados, como unha nefasta xestión económica e unha débeda que xa alcanzou os 4,7 millóns de euros e que lastra o noso desenvolvemento; que o goberno non afronta retos e desafíos importantes, como a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico (PEPOCH) ou a busca de solucións ao problema de acceso a unha vivenda; e que o executivo de María Barral xera problemas onde non os había, como coas novas restricións de acceso do tráfico rodado ao centro da cidade.
Desde o Partido Popular consideramos necesaria a convocatoria do Debate do estado do municipio para que o goberno local responda a estas e outras moitas cuestións que a veciñanza ten dereito a aclarar para saber cara onde imos. Porque, do contrario, a sensación é que Betanzos funciona sen un rumbo claro, sen unha estratexia definida e, sobre todo, sen render contas. E gobernar, ademais de xestionar, tamén é dar a cara.