Postureo participativo

Hai unhas semanas asistimos en Betanzos a unha das máis flagrantes demostracións de incoherencia e soberbia política por parte do goberno de María Barral, ao impulsar a construción dunha pista cuberta de pádel na zona do Carregal, en detrimento do desexado circuíto de pump track que fora elixido pola veciñanza no proceso dos orzamentos participativos do ano 2022.

A decisión unilateral de priorizar a devandita pista de pádel é a mellor proba de que ao goberno socialista a participación cidadá só lle interesa e lle convén para saír nos xornais. O acontecido constata que para este executivo os orzamentos participativos non pretendían ser un mecanismo de implicación real da veciñanza nas decisións municipais, senón un exercicio de puro postureo político. Fixeron o paripé de anunciar unha consulta á xente, animaron aos veciños e veciñas a presentar propostas, fixéronos votar e todo para nada. Para rematar facendo o que ao goberno lle dá a gana.

O acontecido non é simplemente un cambio dunha obra. É moito máis. É un auténtico engano político e moral, porque cando unha Administración lle pide á veciñanza que participe nun proceso e logo ignora os resultados está a desprezar o espírito mesmo da participación. Estalle a dicir aos veciños que a súa palabra vale menos que un titular de prensa.

Os feitos evidencian que o PSOE de Betanzos empregou os orzamentos participativos como un escaparate para aparentar modernidade e transparencia, pero na práctica acabou demostrando que non cre na participación cidadá, senón no control político de cada decisión.

Desde o Partido Popular non lle compramos ningunha das excusas esgrimidas, porque os compromisos e a palabra dada están para cumprilos, sexan máis ou menos cómodos ou máis ou menos rendibles electoralmente. Se o pump track gañou a votación, debe facerse. Así de sinxelo. O contrario é mentirlle á xente, traizoar a súa confianza e destruír a credibilidade nun mecanismo que, ben xestionado, podería servir para achegar o concello á xente. Non se lles pode pedir implicación aos veciños e veciñas para logo rirse do seu voto. Sobre todo, porque estase a sentar un precedente perigoso. A este goberno éncheselle a boca falando de pluralidade e participación, sostibilidade e escoita activa, pero a súa xestión demostra o contrario: improvisación, falta de respecto e cero compromiso coa palabra dada.

Se o goberno local non entende esa diferencia, o que lle ofrece á veciñanza non son uns orzamentos participativos, senón un teatro participativo. E os betanceiros e as betanceiras xa estamos cansos de tanto teatro.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se segue a navegar está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa Política de cookies. Pinche a ligazón para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies