Os contos e as contas do goberno de Barral

Xa sentenciaba Abraham Lincoln nunha das súas frases políticas máis coñecidas que “pódese enganar a todo o mundo algún tempo e a algunhas persoas todo o tempo, pero non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo”.

No mes de xuño que vén de rematar, en Betanzos puidemos comprobar que tal aseveración, aplicada ao goberno de María Barral, segue plenamente vixente.

A comezos do mes celebrouse o pleno sobre o Debate sobre o Estado do Municipio, que o goberno local tratou de converter na súa gran función de ilusionismo antes da chegada do verán. Houbo autocompracencia, triunfalismo e unha alcaldesa que chegou incluso a autoavaliar a súa xestión cun “Progresa Adecuadamente”. Unha especie de boletín de notas feito pola propia alumna e asinado por ela mesma. Todo ía ben, ou alo menos iso era o que nos querían vender.

Pero a realidade ten un mal costume: sempre acaba aparecendo. E neste caso tardou exactamente dous días. Porque apenas 48 horas despois dese debate chegaron a outro pleno a liquidación do orzamento de 2025, a Conta Xeral e varios recoñecementos extraxudiciais de crédito. E con estes expedientes apareceu a cara B do goberno, que é a cara real, aínda que non saia nos discursos de autobombo, nin ocupe tantos titulares.

En tan só dous días, descubrimos que o Concello de Betanzos incumpriu a estabilidade orzamentaria, incumpriu a regra de gasto, incumpriu o Plan Económico Financeiro que o propio goberno aprobara e supera amplamente o prazo legal para pagar aos provedores. En só dous días, soubemos tamén que había preto dun millón de euros en facturas de 2025 pendentes de pagamento aflorando mediante un recoñecemento extraxudicial de crédito.

E en só dous días comprobamos tamén que Intervención formulara nada menos que 73 reparos de legalidade durante o exercicio 2025, a maior parte deles relacionados co fraccionamento de contratos e coa ausencia de expedientes de contratación.

A pregunta é inevitable: se todo ía tan ben no Debate sobre o Estado do Municipio, como é posible que dous días despois chegase semellante labazada á xestión económica do goberno de Barral?

A resposta probablemente está na diferenza entre gobernar e contar contos. O goberno socialista leva anos instalado nunha política de escaparate; moita foto, moito titular e moita propaganda, pero cada vez que un levanta o decorado aparecen os mesmos problemas provocados por unha xestión nefasta.

En tan só dous días pasamos dunha comedia optimista a unha película de terror. Porque unha cousa é intentar vender optimismo e outra moi distinta intentar ocultar os problemas. Por sorte, dentro de 11 meses o pobo de Betanzos terá a oportunidade de apoiar un cambio de rumbo para buscar un horizonte mellor.