O PP solicita o adecentamento da Estación Betanzos-Infesta no 150 aniversario do tren A Coruña-Lugo
Varios concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos realizaron esta fin de semana unha visita á Estación Betanzos-Infesta, coincidindo coa conmemoración o pasado venres do 150 aniversario da conexión ferroviaria A Coruña–Lugo, para cuestionar o abandono e solicitar o adecentamento das instalacións e do contorno da estación.
A portavoz do grupo municipal, Ceci Vázquez, sinala que a maleza invade tanto o acceso peonil, deixándoo intransitable, como o propio inmoble da estación, que tamén presenta diferentes pintadas que deterioran a súa imaxe. Por outra banda, un simple percorrido polo contorno permite apreciar a existencia de valados rotos e oxidados, o que denota “unha falta total de atención e unha desocupación absoluta tanto por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias como por parte do concello, que debe ocuparse do coidado do contorno e dos accesos”.
Os edís populares agardan que esta denuncia pública do “estado de abandono” da estación leve a ambas administracións a “cumprir coas súas responsabilidades”. Ademais, aproveitando a visita, a portavoz popular reiterou a petición ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable de que o estudo que está a ultimar para planificar o despregamento do servizo de Cercanías en Galicia inclúa, como mínimo, a conexión até Betanzos.