O PP replica que a Xunta “cumprirá con Betanzos, a pesar de que a alcaldesa non fixo os deberes”

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos, Ceci Vázquez, respondeu hoxe ás valoracións da alcaldesa sobre os orzamentos autonómicos para 2026 replicando que “a Xunta cumprirá con Betanzos, como fixo ata agora, a pesar de que María Barral non fixo os deberes en tempo e forma”.

“María Barral é a menos indicada para xulgar e dar leccións sobre orzamentos, porque nin someteu a aprobación os orzamentos municipais deste exercicio nin aínda se coñecen as súas intencións respecto aos de 2026”, valorou Ceci Vázquez, quen lembrou que o Grupo Municipal do PP presentou unha moción cun conxunto de 16 propostas para incorporar ás contas do próximo ano.

“A alcaldesa acaba de demostrar unha vez máis que o que lle interesa non é xestionar investimentos para Betanzos —o que debería ter feito no seu debido momento reuníndose cos diferentes conselleiros— senón buscar a confrontación coa Xunta”, engadiu.

Ceci Vázquez anticipa que nos próximos días realizará unha valoración pormenorizada de todos os investimentos previstos polas diferentes consellerías no municipio para 2026 e lamenta que en Betanzos haxa “unha alcaldesa cuxa estratexia non sexa buscar unha relación construtiva e produtiva cos diferentes conselleiros e conselleiras, senón criticar permanentemente ao Goberno autonómico e anunciar emendas aos orzamentos”.

“Este goberno socialista segue demostrando a súa inoperancia, porque nin sabe administrar os recursos municipais —deixando o Concello endebedado— nin sabe pedir e xestionar coas demais administracións”, indicou.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se segue a navegar está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa Política de cookies. Pinche a ligazón para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies