O PP pídelle ao goberno local que “comece por asumir as súas responsabilidades” para evitar máis inundacións
O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos solicítalle ao goberno socialista de María Barral que “antes de botarlle a culpa das inundacións, sen fundamento técnico ningún, a outros organismos e empresas, comece por asumir as súas responsabilidades e actúe nas áreas nas que non só ten competencias, senón que son a súa obriga”.
A voceira popular, Ceci Vázquez, lamenta que “a especialidade de María Barral sexa botar balóns fóra” e lembra que a limpeza do cauce do río no treito urbano, que sería unha medida que podería axudar a minimizar as inundacións, é “competencia e obriga” do concello.
Aínda recoñecendo que se trata dun problema “complexo”, Ceci Vázquez bota en falta maior visión política e maior compromiso cos veciños das zonas máis afectadas: “A alcaldesa leva sete anos no cargo e as súas queixas chegan sempre a touro pasado, pero non lidera unha estratexia para achegar solucións estruturais”.
Neste senso, lembra que o pasado mes de setembro, tras o aviso do PP sobre a previsión das denominadas “mareas lagarteiras”, o protocolo seguido polo goberno local limitouse a colocar conos con carteis para restrinxir o tráfico nalgunhas rúas. “Nesta ocasión, nin sequera fixeron iso e, a pesar da súa inacción, a alcaldesa atrévese a responsabilizar a Augas de Galicia e ás minicentrais, sen saber a estas alturas que son de tipo fluínte e que non teñen capacidade de contención do caudal”.
Grupo de traballo
Ceci Vázquez esíxelle á alcaldesa que convoque e reúna nun grupo de traballo específico a todas as Administracións e entidades que poidan achegar coñecementos e recursos para identificar solucións técnicas que permitan previr e evitar o risco recorrente das inundacións. “Se o goberno local tivese a preocupación e a vontade necesaria, cremos que podería elaborarse un proxecto eficaz e dunha magnitude que permitiría acollerse perfectamente a diferentes convocatorias de fondos europeos”, engadiu a voceira popular.