O PP pídelle a Barral que deixe de buscar “escusas de mala pagadora” e asuma o seu deber de conservación do porto

O Partido Popular de Betanzos reprochoulle hoxe á alcaldesa, María Barral, as “escusas de mala pagadora” que está a utilizar para evitar asumir a responsabilidade municipal e o deber de conservación da contorna do porto, conforme ao establecido no convenio asinado en 2008 entre o Concello e Portos de Galicia.

A voceira popular, Ceci Vázquez, lembra que inicialmente o goberno local chegou mesmo a cuestionar a existencia do devandito convenio e agora, para tratar de eludir a súa obriga de mantemento da zona, intenta poñer en cuestión a súa validez.

Ao respecto, sinala que xa no ano 2023 a Xunta de Galicia apelou á vixencia dese acordo nunha comunicación remitida ao Concello para instar ao goberno local a “asumir o seu deber e corrixir as deficiencias” que presentaba o paseo do porto.

“Por moito que a alcaldesa se empeñe en cuestionar a súa validez, o contido do convenio non deixa lugar a dúbidas e, se o Concello de Betanzos quere extinguir o acordo, o primeiro que ten que facer é deixar as instalacións en perfectas condicións”, asegura Ceci Vázquez.

Ademais, a voceira popular lamenta que “desde o goberno local estean máis centrados en botar balóns fóra ca en dialogar e buscar solucións para converter o paseo do porto na zona atractiva que Betanzos merece”.