O PP insta ao goberno a elaborar o orzamento de 2026 e a destinar 1,3 millóns de euros a 16 medidas

O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos rexistrou unha moción para o seu debate no próximo pleno na que insta ao goberno socialista a elaborar “sen máis dilación” o orzamento municipal para o exercicio 2026 e a priorizar un paquete de 16 accións con impacto social, económico e ambiental, que dean resposta ás necesidades inmediatas das veciñas e veciños e que contribúan ao desenvolvemento sostible de Betanzos.

Segundo explicou a voceira popular, Ceci Vázquez, o goberno de María Barral “debe poñer fin á deriva económica do Concello e cumprir coa súa responsabilidade de elaborar uns orzamentos municipais” para “comezar a endereitar o rumbo dun Concello cunha débeda galopante e planificar as prioridades de gasto”.

Por iso, desde o Grupo Municipal do PP propoñen destinar arredor do 9% dos orzamentos, o que equivalería aproximadamente a 1.345.000 euros, a unha batería de medidas “concretas, realistas e financeiramente asumibles” nunha decena de áreas: vivenda, conciliación, limpeza viaria, cultura e patrimonio, apoio ao comercio local, infraestruturas, abastecemento e saneamento, recollida de residuos no comercio e na hostalaría, e deporte.

Educación, infancia, cultura e patrimonio

No ámbito da educación e da infancia, o PP propón destinar unha partida de 100.000 euros á posta en marcha dun programa municipal de conciliación en todas as épocas de vacacións escolares, con campamentos urbanos e actividades educativas, garantindo arredor de 3.000 prazas anuais.

En materia de cultura e patrimonio, os populares propoñen investir 25.000 euros na promoción do Globo de San Roque como BIC inmaterial, a través de campañas promocionais, exposicións e materiais educativos; ademais, tamén plantexan investir 120.000 euros en mellorar o Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC).

Infraestruturas, abastecemento e saneamento

Outras das actuacións que o PP propón dotar economicamente nos orzamentos de 2026 son:

Plan de mellora de beirarrúas e accesibilidade nos barrios (200.000 €).

  • Habilitación dun aparcadoiro disuasorio próximo ao centro (30.000 €).
  • Renovación de tubaxes e da rede de abastecemento de auga en zonas con perdas (150.000 €).
  • Actuacións de mellora nos colectores de saneamento para reducir verteduras e atascos (100.000 €).

No ámbito medioambiental, de xestión de residuos e limpeza viaria, o PP propón implementar un plan específico de recollida de residuos en comercios e locais de hostalaría, cunha dotación inicial de 120.000 euros, que inclúa:

  • Adaptación de horarios de recollida en zonas céntricas.
  • Instalación de contedores específicos para cartón, vidro e envases dirixidos a negocios.
  • Servizo de recollida porta a porta para grandes xeradores de residuos (bares, restaurantes, cafetarías e comercios).
  • Campañas de sensibilización en colaboración cos sectores hostaleiro e comercial.

Ademais, propón reforzar o servizo de limpeza viaria e rozado de rúas, camiños e beirarrúas, principalmente nas zonas que acumulan maiores queixas veciñais, cunha partida de 100.000 euros.

Vivenda, servizos sociais, deporte e mocidade

Outra das áreas que para o PP de Betanzos debe ser “prioritaria” é a de vivenda, polo que propoñen a creación dun programa municipal de axudas para fomentar o alugueiro de vivendas baleiras, dirixido principalmente á mocidade e dotado inicialmente con 80.000 euros.

Este programa incluirá incentivos para os propietarios que poñan as súas vivendas en alugueiro, así como garantías municipais fronte a impagos e axudas a pequenas reformas necesarias para garantir a habitabilidade dos inmobles.

No ámbito dos servizos sociais, o PP reivindica unha partida de 40.000 euros para desenvolver un programa municipal contra a soidade non desexada, con voluntariado e actividades interxeracionais.

No ámbito do deporte e da mocidade, as propostas son as seguintes:

150.000 € para a mellora do pavillón municipal, concretamente coa instalación de iluminación LED e o acondicionamento dos vestiarios.

  • 80.000 € para melloras na piscina municipal, priorizando os vestiarios, a climatización e a accesibilidade.
  • 30.000 € para un programa de lecer alternativo para a mocidade, con concertos, obradoiros e actividades sen alcohol.
Economía e comercio local

Finalmente, no apartado de medidas económicas, proponse crear un fondo de axudas a autónomos e pemes que creen emprego en Betanzos (80.000 €) e destinar 40.000 € á campaña “Mercar en Betanzos ten premio”, que deberá incluír:

Publicidade en medios de comunicación destacando a oferta do comercio de proximidade.

Organización de sorteos de vales de compra entre os clientes.

Celebración dunha feira ou fin de semana do comercio no centro histórico con actividades de animación.

Colaboración coas asociacións de comerciantes para coordinar todas estas accións.

“Trátase dunha batería de medidas asumibles dentro da capacidade financeira do Concello e aproveitando as liñas de cofinanciamento doutras Administracións Públicas. Só fai falta vontade política e capacidade de traballo para asumir estas propostas e responder ás necesidades de Betanzos”, concluíu Ceci Vázquez.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se segue a navegar está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa Política de cookies. Pinche a ligazón para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies