O PP de Betanzos reclamará nunha moción melloras en varios lugares de Brabío ante “a desidia do goberno”
A portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos, Ceci Vázquez, anunciou hoxe, tras visitar nos últimos días diferentes lugares da parroquia de San Martiño de Brabío, que presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno na que reclamará diversas melloras nos lugares de Roibeira, Os Tabaques, O Martinete e O Marulo “ante a desidia, o desinterese e o abandono do goberno local”.
Ceci Vázquez considera “lamentable” e “sintomático do pasotismo do goberno de María Barral respecto ao rural” o feito de que na estrada que conecta os lugares de O Martinete e O Marulo “leve case dous anos colocada unha prancha de ferro, de lado a lado, que supón un risco evidente para os vehículos, especialmente para os coches, pero sobre todo para as motos e bicicletas”. “O que pretendía ser un arranxo provisional converteuse nunha chapuza permanente que pode provocar unha desgraza en calquera momento, con total responsabilidade do goberno local”, advirte a portavoz popular.
En relación co “deficiente estado de conservación” da rede viaria na parroquia de Brabío, Ceci Vázquez critica tamén a ausencia de asfaltado nun “tramo considerable” da estrada de Os Tabaques e reclama a dotación dunha nova capa de rodadura na pista que conecta o lugar de O Marulo con Santa Cruz de Mondoi, que está “completamente destrozada e en moitos puntos case sen asfalto”.
Pola súa parte, no lugar de Roibeira, o Partido Popular de Betanzos solicita a reparación dunha farola avariada desde hai meses no contorno da ponte e que “está completamente cuberta pola maleza”, deixando ás escuras un tramo do paso, co perigo que iso supón.
Outra das reivindicacións que os populares incluirán na moción será a actuación no túnel baixo a autovía, entre Atocha e a estación de bombeo, xa que “unha nova chapuza realizada no formigón nun dos laterais do túnel para canalizar as augas pluviais resultou inútil, polo que seguen discorrendo polo outro marxe e sobre o pavimento, provocando o seu deterioro”.