O PP de Betanzos reclama o arranxo das filtracións de auga que inundan rochos no Paseo da Galera

O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos vén de reclamar a través dunha moción o arranxo das filtracións de auga cara os rochos dalgúns edificios do Paseo da Galera, das que se veñen queixando veciños desa rúa e que, supostamente, estarían motivadas pola deficiente impermeabilización da beirarrúa.

Desde o Partido Popular, apúntase que o Paso da Galera, pola súa localización á beira do río Mendo, xa é unha contorna especialmente sensible aos episodios de inundacións que acostuman a rexistrarse no inverno e, por iso, solicítanlle ao goberno local a realización dunha inspección técnica á maior brevidade posible para tratar de buscarlle unha solución definitiva ás filtracións de auga antes da chegada o inverno, da chuvia e das posibles enchentes.

Segundo a información transmitida por algúns veciños, ditas filtracións de auga, ademais dos notables prexuízos que ocasionan cada vez que se inundan os rochos, tamén están a xerar situacións de risco, posto que a auga discorre a carón dos cadros e contadores eléctricos. Por este motivo, piden a execución urxente das obras e intervencións necesarias para solucionar este problema recorrente.

“O mantemento axeitado dos espazos públicos municipais non debe abordarse unicamente cando o deterioro xa é evidente, senón que a conservación preventiva permite evitar que pequenas deficiencias acaben converténdose en problemas de maior entidade e, en consecuencia, en maiores custos para as arcas municipais”, salienta o Partido Popular.