O PP de Betanzos reclama a convocatoria dunha comisión informativa para abordar a regulación das Vivendas de Uso Turístico (VUT)
O Partido Popular de Betanzos reclámalle ao goberno local a convocatoria dunha comisión informativa para abordar con todos os grupos políticos o anteproxecto da Ordenanza reguladora do procedecemento para a implantación da actividade de vivendas de uso turístico (VUT).
A voceira popular, Ceci Vázquez, lembra que foi o Grupo Municipal do PP o que presentou en setembro de 2024 unha moción solicitando que se regulase a actividade das VUT, tras detectar “un crecemento exponencial” nos últimos anos. Dita moción, que foi aprobada por unanimidade, instaba ao goberno local a regular o sector e a elaborar un rexistro municipal destas vivendas turísticas para poder levar a cabo un mellor control e seguimento, establecendo un marco normativo claro en aspectos como a obtención de licenzas, as condicións de operación e os requisitos de calidade.
Desde entón, en opinión de Ceci Vázquez, “o executivo de María Barral leva case dous anos de retraso sen prestarlle atención a este tema, que nalgúns edificios da cidade xa está a ocasionar problemas de convivencia entre propietarios, veciños e turistas”.
Respecto ao anuncio da consulta previa á elaboración da ordenanza, que foi publicado o pasado día 24 de xullo na web municipal cun prazo de 15 días naturais para achegar opinións, a voceira popular lamenta a “falta de proactividade” do goberno local para fomentar e incentivar a participación dos propietarios e veciños afectados. “Limitáronse a cumprir o trámite de publicar o anuncio na páxina web, pero non lle deron máis difusión, como se no fondo non estiveran interesados en pulsar a opinión dos afectados”, asegura a voceira popular.
“Precedente semellante” coa Axenda Urbana
“Non é a primeira vez que vemos ao goberno local pouco ou nada interesado en consultar o que ten que dicir a veciñanza, máis aló da mera publicación dun anuncio nos boletíns oficiais ou agochado na páxina web”, salientou Ceci Vázquez, antes de lembrar “un precedente semellante cun asunto de tanta relevancia para o futuro de Betanzos como a elaboración da Axenda Urbana”. “Cando un goberno que acostuma a publicar ata o máis mínimo detalle nas redes sociais e nas notas de prensa pasa de puntiñas sobre temas tan trascendentes, o que está a evidenciar é unha absoluta falta de transparencia e un nulo interese en valorar o que ten que dicir a veciñanza”, remarcou.