O PP de Betanzos reclama a celebración do Debate sobre o estado do municipio
O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos levará unha moción ao seguinte pleno ordinario para reclamar a celebración do Debate sobre o estado do municipio antes de que remate o vindeiro mes de maio, coa finalidade de que o goberno de María Barral “dea conta da súa xestión e de como pensa afrotar diferentes asuntos que seguen enquistados”.
A voceira popular, Ceci Vázquez, salienta que o Regulamento Orgánico Municipal prevé a celebración deste debate nos dous primeiros meses do ano e lamenta “a falta de transparencia” da Alcaldía por non convocalo para facer balance da súa xestión cando se van cumprir xa tres anos de mandato. “Gobernar, ademais de xestionar, tamén é dar a cara e render contas ante a veciñanza”, lémbralle Vázquez á alcaldesa, a quen lle reprocha que “cando non hai explicacións, hai opacidade, e cando non hai balance nin planificación, o que hai é improvisación”.
Desde o punto de vista dos populares, a veciñanza de Betanzos “leva tres anos acumulando preguntas sen resposta” sobre diferentes cuestións de interese público, polo que o Debate sobre o estado do municipio sería “unha excelente oportunidade para que o goberno socialista explique cara onde vai Betanzos, porque, do contrario, parece que o concello funciona sen un rumbo claro e sen unha estratexia definida”.
“A realidade política de Betanzos é que arrastramos problemas enquistados, como unha nefasta xestión económica e unha débeda que xa alcanzou os 4,7 millóns de euros e que lastra o noso desenvolvemento; que o goberno non afronta retos e desafíos importantes como a aprobación do PXOM e do PEPOCH ou a busca de solucións ao problema de acceso á vivenda; e que, ademais, o executivo do PSOE xera problemas onde non os había, como coas novas restricións de acceso do tráfico rodado ao centro histórico”, argumenta Ceci Vázquez.
“O Debate sobre o estado do municipio non é un mero trámite para cumprir coa oposición, senón que debe ser o espazo idóneo para aclarar cuestións coma estas e para ser transparentes coa veciñanza”, subliñou a voceira popular.