O PP de Betanzos pregúntalle ao goberno local pola cuberta do parque Pintor Seijo Rubio prometida en 2023

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos, Ceci Vázquez, pídelle ao goberno local que explique publicamente que aconteceu coa cuberta do parque Pintor Seijo Rubio comprometida en plena campaña electoral de maio de 2023, cando a alcaldesa anunciou que sería a primeira área de xogos infantís cuberta de Betanzos.

Ceci Vázquez lembra que o goberno local incluíu a mellora deste espazo recreativo no plan provincial POS+ 2023 baixo a denominación “Cuberta da área de xogos infantís do Parque Pintor Seijo Rubio”, destinando un investimento de 188.311,94 euros, dos cales 123.037,96 euros correspondían á achega da Deputación da Coruña e os 65.273,98 euros restantes, ao Concello de Betanzos.

O pasado día 8 de maio, o goberno local abriu ao público o renovado parque infantil tras a instalación de novos xogos e a dotación dun novo pavimento, pero “sen noticias da estrutura de xeometría irregular e de cores que o executivo de María Barral incluso anunciara mediante unha infografía”.

“Cremos que, como mínimo, a cidadanía merece unha explicación da alcaldesa e desde o Grupo Municipal do PP tamén solicitaremos todo o expediente desta obra para fiscalizar se as modificacións que houbo no proxecto se xestionaron correctamente”, avanzou Ceci Vázquez.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se segue a navegar está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa Política de cookies. Pinche a ligazón para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies