O PP de Betanzos pídelle ao concello que lle ceda unha parcela á Xunta para construír vivenda pública

O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos rexistrou hai días unha moción para o seu debate no vindeiro pleno ordinario na que insta ao goberno local a identificar e poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela de titularidade municipal para que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acometa un proxecto de construción de vivendas de promoción pública.

A voceira popular, Ceci Vázquez, considera que “a crecente dificultade para acceder a unha vivenda digna a un prezo asequible converteuse nun dos principais problemas para a veciñanza de Betanzos, especialmente para a mocidade, para familias con rendas medias e baixas e para determinados colectivos en situacións desfavorecidas”.

Neste contexto, Ceci Vázquez apunta que a política activa de ampliación do parque público de vivenda que está a impulsar a Xunta de Galicia cun investimento previsto de 2.000 millóns de euros é “unha excelente oportunidade para que Betanzos poida paliar a carencia de oferta residencial a prezos que sexan asumibles polas familias, ben sexa para compralas ou para alugalas”.

“O único que ten que facer o goberno local é proporcionar un solar que cumpra os requisitos técnicos establecidos pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas”, remarca a voceira popular, que xa sondeou a “boa predisposición” da consellería para asumir o investimento da construción.

“A fixación de poboación é un dos obxectivos estratéxicos que o Concello de Betanzos debe ter sempre presente e para iso é preciso dinamizar o mercado laboral para que a xente poida atopar emprego, pero tamén ampliar a oferta residencial para que eses traballadores poidan atopar onde vivir, así como mellorar os servizos públicos para que instalarse en Betanzos resulte atractivo e permita gozar dunha boa calidade de vida”, argumentou a voceira do PP.