O PP de Betanzos esixe “transparencia” sobre as negociacións de PSOE e BNG referentes ao PXOM
O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos levará unha moción ao vindeiro pleno ordinario para esixir ao goberno local “máxima transparencia e explicacións detalladas” sobre as negociacións mantidas durante os últimos meses entre o PSOE e o BNG en relación co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
A portavoz popular, Ceci Vázquez, sinala que o BNG fixo público hai días nunha rolda de prensa que levaba meses negociando cuestións relativas ao PXOM co grupo socialista. “Esas declaracións evidencian unha preocupante falta de transparencia por parte do goberno local e un claro desprezo cara á veciñanza e cara ao resto da Corporación Municipal, á que non se nos informa desde hai meses sobre o estado da tramitación do PXOM nin sobre o contido desas negociacións ocultas”, argumentou.
Segundo Ceci Vázquez, “é inaceptable que un asunto de tanta transcendencia para toda a poboación de Betanzos se xestione desde a opacidade, sen información e sen o necesario diálogo político e social, especialmente cando aínda hai aproximadamente 700 alegacións sen responder”. Ao respecto, lembra que esta foi a cifra de alegacións recoñecida polo propio goberno local tras a exposición pública á que foi sometido o documento do PXOM aprobado inicialmente o 15 de setembro de 2021.
Ante esta situación, Ceci Vázquez solicita a convocatoria urxente dunha Xunta de Voceiros para que a alcaldesa, María Barral, ofreza información detallada sobre o estado actual da tramitación do PXOM, sobre os informes sectoriais recibidos, sobre a resolución das alegacións e tamén para que achegue un prazo realista para a aprobación definitiva.
Ao mesmo tempo, o Grupo Municipal do PP pedirá na moción unha cuantificación dos gastos e pagos acumulados polo Concello de Betanzos durante todo o proceso de elaboración e tramitación do PXOM, así como das subvencións solicitadas e recibidas para tal fin.
“A falta dun planeamento urbanístico adaptado ás necesidades actuais de Betanzos está a representar, ademais dun impedimento para o crecemento do noso municipio e a mellora da calidade de vida, dificultades para o desenvolvemento de iniciativas empresariais e limitacións evidentes para favorecer o acceso a unha vivenda a prezos máis accesibles”, remarcou Ceci Vázquez.