O PP de Betanzos augura que a regulación do tráfico no casco histórico que impulsa o goberno local será “un caos”

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos, Ceci Vázquez, e a concelleira Araceli López ofreceron esta mañá unha rolda de prensa para valorar a proposta do goberno local de resolución das alegacións presentadas contra a normativa que regulará as restricións do tráfico rodado no casco histórico. Para Ceci Vázquez, a pesar de corrixir algúns aspectos cuestionados en diferentes alegacións, a aplicación da ordenanza xerará “un caos e un labirinto administrativo” e acabará sendo “lesiva e moi prexudicial para as persoas que viven e para os establecementos que desenvolven a súa actividade no casco histórico”.

Tras cuestionar a “falta de claridade” do expediente de resposta ás alegacións e que “sigan sen responderse diferentes peticións recollidas na alegación colectiva” impulsada polo PP e subscrita por máis de 450 sinaturas, Ceci Vázquez explicou que o goberno local propón desestimar 19 das 41 alegacións recibidas, aceptar nove e estimar parcialmente outras 13. “Estas cifras demostran que non era o Partido Popular quen estaba equivocado cando falaba dunha ampla contestación social, porque cando un proxecto precisa tantas correccións e rectificacións trala súa exposición pública é que naceu mal, sen o diálogo suficiente e que non estaba ben feito”, salientou.

Na súa opinión, o goberno local limitouse a “admitir cuestións particulares que non o obrigan a reformular o seu modelo, amplamente cuestionado pola cidadanía”, mentres que rexeitou peticións que suporían “cambios estruturais”, polo que “os problemas de fondo continúan exactamente igual”. Ao respecto, subliña que o goberno négase a ampliar o límite máximo de acceso permitido durante 30 minutos -a petición do PP era de 60 minutos-; tampouco modificará a prohibición de acceso a vehículos cun peso superior aos 3.500 quilogramos, “o que provocará que haxa negocios que non poidan recibir aos seus provedores”; e tampouco ampliará o prazo de 48 horas para xustificar ante a Policía Local os accesos non autorizados, ao considerar “suficiente” ese prazo.

Ceci Vázquez incidiu en que as alegacións poñen de manifesto a existencia de múltiples casuísticas particulares que a proposta inicial non contemplaba, polo que augura unha “implantación complicada”: apartamentos turísticos, actividades náuticas, cafeterías, florarías, coidadores, propietarios non residentes, etc.

“O goberno local vendíanos que esta normativa ía ter un desenvolvemento sinxelo e o que comprobamos coas alegacións é que o propio goberno recoñece numerosas singularidades e excepcións que acabarán derivando nun labirinto administrativo e nun auténtico caos de xestión, ademais de supoñer un incremento da carga burocrática para o persoal municipal”, argumentou Ceci Vázquez.

Ademais, sinalou que as respostas ás alegacións “deixan completamente abertos moitos aspectos que deberían quedar xa recollidos na normativa”, como, por exemplo, que aplicación telemática se utilizará para xestionar a autorización de matrículas ou onde se habilitarán zonas de estacionamento exprés e disuasorio.

“A orixe de todo este caos é que o goberno de María Barral está afeito a improvisar e a non escoitar aos veciños, que son quen van padecer as consecuencias das súas decisións caprichosas”, sinalou a portavoz popular. Por iso, apela á “responsabilidade” dos demais grupos para “tombar” no pleno unha normativa que o executivo local pretende comezar a aplicar o día 1 de outubro, tras un período previo “de carencia”, é dicir, sen sancións, que tampouco cuantifica canto durará.