O PP alegará e recollerá sinaturas contra o plan de restrición do tráfico no centro histórico

O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos anunciou hoxe que presentará unha alegación contra o plan de restrición do tráfico rodado no casco histórico, “impulsado polo goberno de María Barral de forma unilateral e sen o diálogo previo necesario”, para tratar de modificar substancialmente unha norma que “supón unha ameaza definitiva para o comercio tradicional” e que engade “complicacións adicionais innecesarias para as persoas que residen no centro”.

A portavoz popular, Ceci Vázquez, indicou ademais que, unha vez elaborada a alegación, promoverán unha recollida de sinaturas para “aglutinar o sentir de todos os betanceiros, tanto comerciantes como veciños residentes, que queren un casco histórico vivo e con actividade”. “Percibimos un descontento importante coa actitude do goberno local, que está afeito a impoñer e non a negociar, e trataremos de mellorar a ordenanza para buscar un equilibrio entre todas as partes interesadas e para que saia adiante con maior apoio social”, apuntou.

Ceci Vázquez indicou que inicialmente o Grupo Municipal do PP tiña previsto solicitar un pleno extraordinario para abordar a proposta do goberno local para restrinxir o acceso de vehículos ao casco histórico, pero finalmente, “ao coincidir ben os prazos do pleno ordinario e para non sumar custos adicionais ás contas do concello, presentamos unha moción para promover o debate plenario sobre a ordenanza”.

Ao respecto, avanzou que algúns aspectos que aborda a alegación que está a elaborar o Grupo Municipal do PP inciden na ampliación do límite máximo de 30 minutos para tránsito ou estacionamento, a extensión do horario de 7.00 a 11.00 autorizado para carga e descarga, a redución do prazo dun mes para recibir unha resposta ás solicitudes de acceso, a discrecionalidade de que determinadas decisións recaian na Alcaldía ou o aumento do peso máximo de 3.500 quilogramos para os vehículos autorizados.

Ademais, Ceci Vázquez considerou “imprescindible” que o goberno local achegue “maior claridade” sobre o réxime sancionador e o importe das multas que se imporían ás persoas infractoras. Neste sentido, considera “chamativo” que precisamente este ano o goberno local incluíse nos orzamentos municipais unha previsión de ingresos de 210.000 euros en concepto de multas de tráfico.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se segue a navegar está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa Política de cookies. Pinche a ligazón para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies