O PP aféalle a Barral a aparición de facturas de 2025 sen pagar por valor dun millón de euros e advirte de que “aínda faltan máis”
O Partido Popular de Betanzos considera “revelador” da “dobre cara” do goberno local que, tan só dous días despois dun Debate sobre o Estado do Municipio no que a alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Economía, Diego Fernández, presumiron de xestión e debuxaron “un Betanzos idílico e sen a máis mínima autocrítica”, acaben de convocar para o vindeiro martes un novo pleno para aprobar recoñecementos extraxudiciais de crédito por arredor dun millón de euros, correspondentes a facturas sen pagar do exercicio de 2025.
A portavoz popular, Ceci Vázquez, cualifica esta situación como “o enésimo capítulo da desastrosa xestión económica do goberno local”, que segue mantendo unha “dinámica de gasto descontrolado”, encargando a diferentes provedores servizos, subministracións e obras sen tramitar o correspondente expediente de contratación.
Ceci Vázquez avanza que o goberno local pretende que o pleno levante os reparos suspensivos emitidos por Intervención por tratarse de “prestacións que se realizaron sen a cobertura de ningunha relación contractual”, por detectar supostas “subvencións encubertas” e incluso por corresponder a facturas emitidas por un ex traballador municipal que realizou traballos de limpeza de cunetas e poda de árbores sen cumprir os requisitos para poder facturar as cantidades que o Concello lle adebeda.
“Que non conten co PP para branquear unha xestión económica nefasta, irresponsable e que bordea os límites da ilegalidade”, advertiu Ceci Vázquez, quen adianta que os edís populares se absterán para “evitar que os provedores sigan sen cobrar e teñan que pagar os pratos rotos dun goberno local moroso”.
Ademais, a portavoz popular sinala que o informe de Intervención advirte ao goberno de posibles infraccións “moi graves” e precisa tamén que as facturas incluídas neste recoñecemento extraxudicial de crédito non responden a unha secuencia cronolóxica de entrada por rexistro, o que quere dicir que “aínda faltan máis facturas sen pagar de exercicios anteriores”.
“Xa é o colmo que o goberno de Barral, en lugar de ir pagando primeiro as facturas pendentes de maior antigüidade, filtre cales si e cales non entran neste recoñecemento extraxudicial de crédito, sen deixar claro que criterios se aplican a esa selección”, destaca a portavoz popular.
Por último, Ceci Vázquez tamén advirte de que, tal e como apercibe Intervención, a “dinámica de gasto descontrolado” do goberno local pode desembocar no incumprimento da estabilidade orzamentaria e do Plan Económico Financeiro 2025-2026, o que carrexaría “novas medidas intervencionistas por parte do Estado”.
“Estas facturas no caixón desde hai meses si reflicten o estado real do Concello de Betanzos, que María Barral ocultou o martes no Debate sobre o Estado do Municipio”, concluíu a portavoz popular.