O PP advirte dun novo “machadazo fiscal” do goberno de Barral coa subida do IAE nun 155%

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos, Ceci Vázquez, advertiu hoxe do novo “machadazo fiscal” que pretende aprobar o goberno socialista de María Barral cunha suba dun 155,25% na recadación do Imposto de Actividades Económicas (IAE), repercutindo sobre empresas e profesionais un aumento da recadación de 264.788,14 euros “co único obxectivo de tentar cadrar as súas contas tras unha xestión económica nefasta”.

Esta suba do IAE, coa que o goberno socialista pretende pasar de recadar 170.583,33 euros este ano a 435.371,47 euros no exercicio de 2026, figura como primeiro punto da orde do día dun pleno extraordinario e urxente convocado para mañá ás 20:30 horas, no que o goberno local tamén pretende aprobar un Plan Económico Financeiro 2025-2026, ao que está obrigado tras incumprir a estabilidade orzamentaria e a regra de gasto na liquidación de 2024.

Para tentar xustificar a suba do IAE, o goberno local elaborou un Índice Fiscal de Rúas que divide o municipio en catro zonas, ás que aplicará diferentes coeficientes multiplicadores en función de criterios urbanísticos (pavimentación e beirarrúas), de servizos (alumeado e sumidoiros), datos de usos comerciais e industriais e valores catastrais. “É unha suba de impostos inxustificada e só motivada polas urxencias económicas do goberno local, tras unha xestión económica irresponsable”, apunta a portavoz popular.

En canto ao Plan Económico Financeiro elaborado polo goberno local, Ceci Vázquez sinala que é “a constatación explícita do desbaraxuste económico do goberno de María Barral” e sostén que chega “tarde e mal”, despois de que a Secretaría Xeral Técnica do Tesouro enviase unha notificación o pasado 21 de outubro lembrándolle ao concello o incumprimento desta obriga, tras incumprir as normas fiscais na liquidación de 2024.

Ao respecto, indicou que o goberno socialista pretende incrementar os ingresos en 766.733,70 euros coas seguintes medidas: 264.788,14 euros coa suba do IAE; 37.384,47 euros de ingresos patrimoniais pola posta ao día da concesión do dereito de superficie da parcela 121 do Plan Parcial do Pasatempo; 41.000 euros da actualización do padrón dos postos da feira; 150.133,89 euros derivados do contrato da piscina municipal como compensación ao concello polo número de usuarios; e 273.427,20 euros co cambio de xestión do comedor escolar do CEIP Vales Villamarín.

Pola súa banda, no apartado dos gastos, o PEF presentado polo goberno socialista propón aforrar 217.514,64 euros con dúas medidas en materia de persoal: 96.354,67 euros ao non cubrir este ano catro postos de auxiliar administrativo e 121.159,97 euros ao non cubrir as prazas de peón e arqueólogo. Adicionalmente, o PEF fixa en 369.416,55 euros o límite de facturas pendentes de aplicar ao orzamento por falta de crédito.

“Un PEF elaborado con présas”

Segundo Ceci Vázquez, trátase “dun Plan Económico Financeiro elaborado con présas e sen aportar toda a información necesaria”. “Son as contas da leiteira para tentar cadrar de forma ficticia unha xestión económica nefasta”, remarca a portavoz popular, que bota en falta “medidas reais de aforro e contención do gasto corrente, a elaboración dun orzamento realista e que o goberno se aprete o cinto e deixe de malgastar os cartos de todos sen priorizar necesidades”.

“Suben os impostos, como o IAE; augúranse supostos ingresos extraordinarios; prométense medidas en materia de gasto que en realidade son recortes de persoal e servizos; e recoñécese explicitamente que o goberno segue acumulando gastos sen cobertura orzamentaria. Este Plan Económico Financeiro é un paso máis deste goberno cara ao precipicio económico”, conclúe Ceci Vázquez.


Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se segue a navegar está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa Política de cookies. Pinche a ligazón para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies