O Consello de Contas advirte de que o Concello de Betanzos podería entrar en “falta de viabilidade financeira”
O Consello de Contas de Galicia advirte no seu Informe de Fiscalización da Conta Xeral das Entidades Locais de Galicia correspondente ao exercicio de 2024 que o Concello de Betanzos podería entrar “en situación de falta de viabilidade financeira” se continúa presentando un aforro neto negativo, o que significa que os ingresos correntes non son suficientes para cubrir os gastos correntes e a amortización da débeda.
Segundo este informe divulgado polo Consello de Contas de Galicia a semana pasada, no tramo de municipios de 10.001 a 20.000 habitantes, Betanzos e Sarria son os dous únicos concellos que rexistraron no exercicio de 2023 un aforro neto negativo, “aínda que os remanentes de tesouraría positivos xerados en exercicios anteriores lles permitiron facer fronte ás súas obrigas”.
Concretamente, o citado informe detalla que no caso de Betanzos o aforro neto entre 2022 e 2023 variou un -291,52 %, pasando de 1.294.458,85 euros en 2022 a -2.479.137,44 € no exercicio de 2023. Non obstante, a disposición duns remanentes axustados de tesouraría de 994.762,58 euros permitiulle facer fronte ás súas obrigas. En canto ao aforro bruto, foi de -2.439.218,61 euros no exercicio de 2024, fronte a 1.294.458,85 euros en 2023, o que supuxo unha variación do -288,44 %.
Outro dos indicadores económicos que o Consello de Contas de Galicia lle afea ao Concello de Betanzos é o incumprimento dos requisitos de estabilidade orzamentaria, situándose entre as 86 entidades locais de Galicia que o incumpriron, ao pechar o exercicio de 2024 cun saldo non financeiro negativo de -1.421.536,84 euros.
A voceira do Grupo Municipal do PP de Betanzos, Ceci Vázquez, sostén que “unha vez máis, o goberno de María Barral suspende en xestión económica e segue conducindo ao concello cara ao precipicio e a bancarrota”. “E non o di o PP, senón que o di claramente o Consello de Contas de Galicia nun informe independente e absolutamente rigoroso no que fiscaliza as contas de todas as entidades locais de Galicia”, subliña.