O concelleiro José Manuel Manso deixa a súa acta “por razóns persoais” e substituirao na Corporación Ana Belén Gómez Viqueira
O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos informa de que o concelleiro José Manuel Manso Naveira vén de renunciar á súa acta de concelleiro «por razóns persoais» e será substituído na Corporación por Ana Belén Gómez Viqueira, candidata que concorrera no posto número 11 da lista popular nas Eleccións Municipais de 2023.
A voceira popular, Ceci Vázquez, manifestou o seu «absoluto respecto e comprensión» pola decisión adoptada por José Manuel Manso Naveira, número 4 da candidatura do Partido Popular de Betanzos nas eleccións de 2023 e que xa formara parte da Corporación no anterior mandato tras resultar elixido nos comicios de 2019.
«Trala súa xubilación, Manel atópase nunha etapa vital diferente e non podemos máis que agradecerlle o compromiso e a dedicación durante estes últimos anos», manifestou Ceci Vázquez, antes de remarcar que «Manel seguirá a colaborar co Grupo Municipal no que resta de mandato para axudar a conseguir o cambio de goberno que necesita Betanzos».
Ceci Vázquez tamén agradeceu «a predisposición e a ilusión» de Ana Belén Gómez Viqueira, unha profesional procedente do sector da hostalaría e moi coñecida en Betanzos pola súa participación en diferentes colectivos (SOS Betanzos Hostalaría e ANPA O Carregal), para «reforzar o traballo do Grupo Municipal nos dez meses que restan ata as eleccións de maio de 2027».