Máis de 450 sinaturas apoian a alegación colectiva para flexibilizar as restricións ao tráfico rodado no centro
A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos, Ceci Vázquez, e os concelleiros Eduardo Rodríguez e Araceli López presentaron esta mañá no Rexistro Xeral do Concello unha alegación colectiva e máis de 450 sinaturas de veciños e veciñas para forzar ao goberno local a modificar e flexibilizar a ordenanza coa que pretende impor novas restricións no acceso do tráfico rodado ao casco histórico.
A portavoz popular explicou que as sinaturas presentadas hoxe, así como algunhas máis que previsiblemente se rexistrarán telematicamente antes de que remate o prazo de exposición da ordenanza, representan a “unha parte moi importante da poboación, fundamentalmente do centro histórico”, polo que instou ao executivo de María Barral a “ter en conta o rexeitamento social existente” e a “mellorar a ordenanza coa incorporación das 12 medidas recollidas na alegación”.
Segundo lembrou, o propósito da alegación “non é opoñerse frontalmente a seguir avanzando cara a un modelo de mobilidade máis sostible e centrado nas persoas”, senón “establecer unha regulación que concite maior consenso veciñal e que permita compatibilizar a preservación e o coidado do alto valor patrimonial do centro histórico coa vida social e a actividade económica da contorna, principalmente de sectores estratéxicos como o comercio tradicional e a hostalaría”.
Ceci Vázquez agradeceu “a implicación” de todos os veciños e veciñas que respaldaron a alegación coas súas sinaturas para “conseguir que o centro histórico siga a ser un espazo vivo, social e comercialmente”, así como a colaboración dos establecementos que participaron na recollida voluntaria e tamén da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto (ACEBE CCA) e de Comercio, Hostalería e Servizos do Casco Histórico de Betanzos (ChesCasco) por sumarse á iniciativa.
Respecto ao contido da alegación colectiva, Ceci Vázquez lembrou que inclúe unha ducia de medidas a incorporar na ordenanza, co obxectivo de evitar que a redacción actual da norma desincentive as compras no comercio tradicional, dificulte a loxística da distribución, xere inseguridade xurídica ás persoas condutoras, penalice ás persoas residentes no centro e traslade a sensación de que acceder ao casco histórico é un problema, ademais de provocar un incremento das multas de tráfico.
Entre as devanditas 12 peticións concretas destacan o aumento a un mínimo de 60 minutos do tempo de acceso permitido para as persoas condutoras non residentes, a ampliación do horario de carga e descarga polo menos ata as 14.00 horas -engadindo unha franxa horaria controlada polas tardes-, o incremento do límite de 3.500 quilogramos de peso máximo para os vehículos autorizados -nos casos de subministros esenciais-, a redución do prazo de resolución das solicitudes a un máximo de 10 días e un período de carencia de seis meses para desenvolver unha “fase pedagóxica” sobre os cambios da ordenanza, sen que se poidan impor sancións durante ese medio ano.
Outras peticións céntranse no reforzo da seguridade e das garantías xurídicas das persoas condutoras, tanto na protección dos seus datos persoais e no exercicio dos seus dereitos, como no relativo aos protocolos de funcionamento das cámaras de vixilancia. A alegación colectiva tamén solicita a constitución dunha Comisión de Seguimento para facer unha avaliación continua, con periodicidade trimestral, do impacto das medidas aplicadas e dos seus principais indicadores: datos de acceso de vehículos, horarios de acceso, tempos de tránsito e estacionamento, sancións impostas, solicitudes extraordinarias, etc., así como o impacto económico de ditas medidas.