Gastar máis non é gobernar mellor
Hai decisións que definen unha maneira de gobernar e os orzamentos do goberno de María Barral para 2026 fano con claridade: máis gasto corrente, máis gasto de persoal, máis presión fiscal, máis uso discrecional dos cartos de todos e menos estratexia para o futuro de Betanzos.
Non estamos ante unha diferenza ideolóxica menor. Estamos ante unha cuestión de sentido común económico. O gasto corrente aumenta un 18,17% e xa representa o 37,4% do total do orzamento. En paralelo, os gastos de persoal medran un 15,38%. Mentres tanto, a débeda municipal sitúase nos 4,7 millóns de euros. Son cifras que falan por si soas, porque ao disparar o gasto estrutural o que se está a comprometer non é só o actual exercicio orzamentario, senón que estase a hipotecar a capacidade de manobra do concello para os próximos anos.
E iso debería preocuparlle especialmente a quen sostén a actividade económica de Betanzos: autónomos, comerciantes, empresarios, profesionais. Porque cando o concello vive por enriba das súas posibilidades, ao final acaba trasladando as súas necesidades de ingresos ao esforzo de quen xera emprego e riqueza.
Especialmente preocupante é que Intervención advirta nun informe da necesidade de reconducir o elevado volume de gasto corrente. Non é unha crítica política: é unha alerta técnica. Recoméndase reducir as actividades municipais ás mínimas obrigatorias e mellorar os procesos de contratación para evitar prácticas que a normativa prohibe. Cando son os propios informes internos os que chaman á prudencia, o responsable é escoitar.
Betanzos precisa outra visión. Precisa orzamentos que prioricen a eficiencia, que distingan entre o imprescindible e o accesorio e que aposten por investimentos que xeren actividade económica real. Gobernar ben non é gastar máis. Gobernar é administrar mellor.
Nun momento no que as familias e os negocios fan equilibrios para soster a súa actividade, o Concello debería ser o primeiro en dar exemplo de prudencia e responsabilidade. Axustarse o cinto non é unha consigna ideolóxica: é unha obriga cando a débeda medra e a marxe se estreita.
Desde o PP votaremos en contra destes orzamentos porque cremos que Betanzos merece contas responsables, previsibles e orientadas ao crecemento, non á expansión descontrolada do gasto. O futuro económico da nosa cidade non se constrúe abrindo a billa do gasto, senón xestionando con rigor cada euro público. E ese é o compromiso que defendemos.