“Queremos unha oportunidade para demostrar que Betanzos pode gobernarse mellor”
(Entrevista incluída no Boletín informativo nº1 do Partido Popular de Padrón, publicado en decembro de 2025)
Chegamos á recta final de 2025 e xa só faltan 17 meses para as Eleccións Municipais de maio de 2027. Como analizas a situación política actual en Betanzos?
Cada día somos máis as betanceiras e os betanceiros que pensamos que o noso concello merece máis, que temos a sorte e o privilexio de vivir nun lugar cun potencial extraordinario a todos os niveis (ubicación, comunicacións, cultura, historia, patrimonio, natureza, turismo, empresas…), pero que temos un goberno que non está á altura para aproveitar todo ese potencial. Estamos a asistir á descomposición progresiva dun modelo político sen rumbo, sen planificación e sen proxecto de cidade. O goberno de María Barral vive instalado nas ocorrencias, na improvisación e nunha absoluta falta de diálogo con gran parte do tecido social e, sobre todo, coa oposición. Que a alcaldesa diga nun pleno que non me respecta nin politicamente nin como persoa define á perfección a súa forma de gobernar e de ser. É unha actitude impropia dunha representante pública, pero non lla teño en conta porque entendo que se debe aos nervios de ver que o seu ciclo está esgotado.
Desde o Partido Popular levades xa semanas incidindo na idea dun “cambio necesario”. Por que e en que vai consistir?
No Partido Popular non nos imos resignar a ver como Betanzos avanza na súa decadencia. Seguimos a traballar día a día para construír unha alternativa gañadora, baseada na escoita e no diálogo. Betanzos ten unha veciñanza socialmente activa, empresarios con gran capacidade, hostaleiros con boas ideas, asociacións que queren colaborar e colectivos que achegan visión de futuro e experiencia. Todos eles demandan un cambio e nós pensamos que non só deben ser partícipes del, senón artífices, e por iso estamos a escoitar as súas ideas, propostas e críticas. O que temos claro é que o concello non pode ser un muro nin un obstáculo para impulsar a evolución e a transformación que demanda a propia veciñanza. Ten que ser un aliado e un facilitador, e ese é o noso compromiso.
En 2023 o Partido Popular obtivo un resultado moi próximo á maioría absoluta. Como afronta os comicios de 2027?
Penso que á terceira vai ir a vencida. O que nos transmiten moitos veciños e veciñas é que están fartos da inoperancia deste goberno e que o cambio xa é imparable. Sabemos o que fixemos ben en 2023 e tamén onde debemos mellorar. Pero o importante é que cada vez máis betanceiras e betanceiros ven en nós unha alternativa solvente. Neste tempo que falta, a nosa folla de ruta vai seguir sendo a mesma: traballar con serenidade e responsabilidade, escoitando a todo mundo, fiscalizando todo aquilo que o goberno faga mal e tratando de aproveitar as nosas boas relacións coa Xunta de Galicia en beneficio de Betanzos. Para min, o maior erro de María Barral é buscar o enfrontamento permanente coa Xunta, porque iso non beneficia a Betanzos en nada. Comete a torpeza de antepoñer a súa ideoloxía e a política partidista ao entendemento e o diálogo institucional. Eu quero que Betanzos volva ter unha voz respectada, capaz de negociar e de conseguir investimentos, e desde o PP podemos garantir esa colaboración leal, que será moito máis fructífera para todos.
Que lles dirías a aquelas veciñas e veciños que votaron a María Barral pero hoxe dubidan?
Diríalles que queremos unha oportunidade para demostrar que Betanzos pode gobernarse mellor, con máis rigor, con máis planificación e con máis diálogo. A nosa proposta é clara: ofrecemos menos crispación e máis traballo, menos propaganda e máis resultados. Queremos liderar ese gran cambio que necesita Betanzos e aspiramos a facelo concentrando a ilusión do PP, o crecente descontento de moitos simpatizantes do PSOE e o voto últil do nacionalismo menos ideolóxico. Temos unha proposta ideoloxicamente máis transversal que as demais forzas e queremos ser a casa común de todos os que pensan que Betanzos non pode seguir perdendo nin máis tempo nin máis oportunidades. O que nos transmiten moitos veciños é que están fartos da inoperancia deste goberno e que o cambio xa é imparable
Avánzanos algúns eixos da proposta coa que o PP concorrerá ás eleccións de 2027…
Hai tres claves fundamentais sobre as que debe asentarse o futuro de Betanzos: a primeira, unha xestión económica máis responsable e rigorosa, baseada na aprobación anual dos orzamentos municipais e nunha contención do gasto supérfluo para rebaixar a débeda que este goberno elevou ata cerca dos 6,7 millóns de euros; a segunda, a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, como instrumento que ordenará o crecemento urbanístico da nosa cidade e permitirá impulsar o desenvolvemento económico do noso municipio, ao mesmo tempo que achegará solucións eficaces ao problema que máis preocupa á veciñanza, que é o acceso a unha vivenda asequible; e a terceira, a mellora da imaxe de Betanzos a través da rehabilitación de edificios antiguos, da mellora dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria, do adecentamento dos espazos públicos e da xeración de novas prazas de aparcamento.
