Ceci Vázquez cuestiona a falta de transparencia de Barral sobre a licitación do novo contrato do lixo
A voceira do Grupo Municipal do PP de Betanzos, Ceci Vázquez, cuestionou hoxe publicamente a falta de transparencia da alcaldesa, María Barral, respecto da licitación por parte do Consorcio As Mariñas do novo contrato que regulará a prestación do servizo de recollida e xestión dos residuos durante os vindeiros dez anos en oito municipios da contorna, entre os que se atopa Betanzos.
Ceci Vázquez considera que, aínda que se trate dun servizo comarcalizado que non está a licitar o propio concello, a alcaldesa debería proporcionarlle á veciñanza “máis claridade sobre os recursos que o Consorcio As Mariñas destinará a Betanzos e sobre as condicións particulares da prestación do servizo neste municipio”.
“A pouca información que trascendeu ata o momento a través dos medios de comunicación desvela un agravio especial cara aos residentes e os negocios do centro histórico, onde a recollida do lixo pasará a realizarse só dous días á semana, en lugar de seis”, apunta a voceira popular, que “augura que a imaxe da cidade coas papeleiras permanentemente desbordadas non mellorará en absoluto”. Ademais, considera que esta medida supón “un novo ataque do goberno local á veciñanza do centro da cidade, que se engade ás xa anunciadas restricións no acceso do tráfico rodado, co que cada día estase a volver máis complicado vivir ou sacar adiante un negocio no centro histórico”.
Neste senso, amosouse partidaria de “avaliar a introdución de reaxustes na taxa do lixo en función da frecuencia e as prestacións de recollida”. “Non ten lóxica que a calidade do servizo vaia empeorar, que as frecuencias da recollida vaian a menos e que os veciños teñan que seguir pagando o mesmo”, remarcou Ceci Vázquez. Neste senso, lembrou que hai dous anos, cando a factura da recollida do lixo subiu arredor dun 35%, o Partido Popular de Betanzos tamén solicitara a adopción de medidas orientadas a rebaixar o custo do servizo nas parroquias do rural, baseándose por unha parte en premiar a separación do lixo na orixe e, por outra, en compensar que a frecuencia da recollida no rural xa era menor que no centro urbano. “Pensamos que se o servizo non vai incrementar os días de recollida no rural, o goberno local debe incorporar compensacións á veciñanza”, salientou Ceci Vázquez.
Para a voceira popular, “isto que está a acontecer coa licitación do contrato dos residuos é o modus operandi habitual de María Barral, que en lugar de explicar as cousas con tempo prefire a política dos feitos consumados e de tirar cara adiante sen que nin os grupos da oposición nin a veciñanza teña tempo para opinar”.