Ceci Vázquez critica a “nefasta xestión” de Barral por incumprir a regra de gasto, a estabilidade orzamentaria e o PEF 2025/26
O resultado da liquidación do orzamento do Concello de Betanzos correspondente ao exercicio de 2025, que o goberno local aprobará e do que dará conta no pleno do vindeiro martes, levou ao Grupo Municipal do Partido Popular a criticar novamente a “nefasta xestión económica” do executivo de María Barral por incumprir a regra de gasto, a estabilidade orzamentaria e o Plan Económico Financeiro (PEF) 2025/26.
A portavoz popular, Ceci Vázquez, considera que os informes de control interno e sobre a liquidación emitidos pola interventora supoñen “unha emenda á totalidade” do “pésimo traballo administrativo e de xestión” levado a cabo polo goberno local en 2025.
En primeiro lugar, polo incumprimento do principio de estabilidade orzamentaria en 927.784,94 euros, ao “producirse unha situación de necesidade de financiamento por este importe”, co que o Concello de Betanzos estaría a incumprir o Plan Económico Financeiro (PEF) vixente para os exercicios de 2025 e 2026.
En segundo lugar, por incumprir a regra de gasto en 286.639,88 euros, o que representa como consecuencia inmediata “a obriga de aprobar un acordo de non dispoñibilidade de crédito e de practicar a correspondente retención de crédito, cando menos polo importe do incumprimento”, ademais de que “deberán adoptarse medidas de contención do gasto”.
E, en terceiro lugar, por incumprir o Período Medio de Pago a Provedores, que a data de 31 de decembro de 2025 se situaría en 50,04 días, é dicir, 20 días por enriba dos 30 marcados pola normativa, o que obrigaría tamén a adoptar medidas de carácter inmediato.
Por outra banda, aínda que a liquidación cumpre os parámetros de aforro neto e se atopa dentro dos límites admitidos de endebedamento, o informe de Intervención advirte de que, ao estar o Concello de Betanzos incluído no Procedemento de Pago a Provedores 2024, necesitará a autorización do órgano autonómico de tutela financeira para concertar calquera nova operación crediticia.
Segundo Ceci Vázquez, “o goberno local debería avergoñarse ante uns informes tan contundentes e demoledores”, que tamén cifran en 73 os reparos de legalidade formulados por Intervención en 2025, correspondendo a maior parte ao fraccionamento de contratos e á falta de tramitación de expedientes de contratación. Tamén constan reparos por desconformidade coa comprobación material de obras e coa certificación dos traballos realizados nas zonas verdes das rúas Cabildos e Travesa, entre outros moitos.