Betanzos esgota a paciencia
Cando a política deixa de priorizar os intereses da veciñanza e deixa de dar respostas eficaces aos seus problemas e necesidades, sempre chega un momento no que a paciencia cidadá se esgota. O tempo que se perde xa non se recupera e Betanzos leva demasiados meses navegando sen rumbo orzamentario, sen un proxecto que ordene as prioridades e sen un goberno capaz de mirar máis aló das urxencias do día a día.
E todo isto, na política municipal, acábase notando tanto nas liñas de acción estratéxicas como nas decisións máis cotiáns, é dicir, na política dos detalles: a desatención do rural, a deficiente xestión do lixo e da limpeza das rúas, os reiterados cortes de auga por unha rede de subministro obsoleta, a falta de apoio a sectores estratéxicos como o comercio, etc.
Por iso, desde o Partido Popular non nos limitamos a criticar a deriva do desgoberno de María Barral, senón que decidimos actuar con responsabilidade, con propostas e con números enriba da mesa. Presentamos unha moción no último pleno na que instabamos ao executivo socialista a facer o que é a súa obriga: elaborar sen máis dilación o orzamento municipal para 2026.
E non nos limitamos a urxir a aprobación do proxecto orzamentario como un mero trámite administrativo, senón que formulamos unha proposta de investimentos e gastos moi concreta e pensada para mellorar a vida dos betanceiros e betanceiras: destinar arredor de 1.345.000 euros, o que suporía aproximadamente o 9% do orzamento municipal, a un paquete de 16 medidas con impacto real na vida das persoas. Non falamos de promesas vagas nin de titulares efémeros. Falamos de programas de conciliación familiar, axudas ao alugueiro para a mocidade, melloras no pavillón e na piscina municipal, limpeza das rúas, renovación das redes de abastecemento, atención á soidade non desexada, impulso ao comercio local e apoio a quen máis o precisa, etc. Medidas pensadas desde o sentido común e desde a escoita activa da veciñanza.
Queremos que Betanzos avance cara a un modelo de pobo máis activo e con oportunidades para vivir, traballar e gozar. Queremos que Betanzos non se limite a sobrevivir, senón que recupere a ilusión e o orgullo como concello cun gran potencial.
Todas estas iniciativas eran realistas, asumibles e financeiramente viables dentro da capacidade económica do concello, especialmente se se aproveitaran as liñas de cofinanciación doutras administracións. Non pediamos imposibles: pediamos vontade política, diálogo, xestión e traballo.
Pero, unha vez máis, a miopía política do executivo socialista e dos seus cómplices púxose de manifesto, rexeitando calquera posibilidade de negociación e demostrando quen son en Betanzos “os do non por sistema”. Nin fan nin deixan facer. Non lle gustan as críticas, aínda que sexan merecidas, e menos aínda lles gusta unha oposición propositiva, construtiva e con alternativas.
No Partido Popular non traballamos para poñer paus nas rodas, senón para lembrar que Betanzos non pode seguir detido mentres os problemas se acumulan. O noso labor é fiscalizar, pero tamén achegar solucións e marcar un novo rumbo.
Betanzos precisa recuperar a confianza e iso faise con feitos, non con discursos baleiros. María Barral debe asumir que gobernar non é repartir culpas aos demais, senón liderar e asumir responsabilidades. Por iso, desde o PP seguiremos propoñendo e insistindo en que este concello merece máis.