A Xunta entrega en alugueiro a menores de 36 anos dúas vivendas públicas rehabilitadas no centro histórico de Betanzos
A Xunta de Galicia vén de entregar en alugueiro a menores de 36 anos dúas vivendas públicas acadadas coa rehabilitación de inmobles no centro histórico de Betanzos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acudiu hoxe a entregar as chaves destes novos fogares, reformados ao abeiro do programa Rexurbe, ás dúas adxudicatarias.
As novas vivendas sitúanse nas rúas Venela dos Clérigos e Alfolí e as beneficiarias abonarán alugueiros mensuais por importe de 116 e 167€.
Allegue lembrou que Betanzos foi pioneiro en Galicia no programa Rexurbe da Xunta, cuxo obxectivo, ademais de facilitar o acceso á vivenda de calidade e accesible, é o de recuperar e dinamizar os centros históricos de cidades e vilas.
“Con este programa -apuntou-, adquirimos edificios nos centros históricos, co fin de rehabilitalos, de cualificalos como vivendas de promoción pública, que teñen protección indefinida, e adxudicámolos entre persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes”.
A conselleira puxo en valor a “calidade” das rehabilitacións acadadas nas vivendas visitadas hoxe e destacou que co Rexurbe, o Goberno galego non só busca “crear novos fogares, senón tamén encher de vida os cascos históricos, porque en Galicia temos cascos históricos moi fermosos, que temos que dinamizar tanto desde o punto de vista económico pero tamén social”.
“Seguiremos traballando para que a cidadanía galega poida seguir accedendo a vivendas de calidade, fogares eficientes, e revitalizando os cascos históricos”, sinalou.
En Betanzos, a Xunta adquiriu un total de 17 inmobles para acadar 22 vivendas e están xa rehabilitados 15 edificios, con 20 novos fogares.