A voltas co convenio do porto
Hai debates políticos que, máis aló das diferenzas ideolóxicas, deberían sustentarse nun principio básico: a coherencia. E o que está a acontecer co convenio para a conservación e mantemento do porto de Betanzos é, precisamente, un exemplo de todo o contrario.
Nas últimas semanas, a alcaldesa esforzouse en divulgar que o convenio asinado en 2008 entre o Concello de Betanzos e a Xunta de Galicia non sería válido porque non foi aprobado polo Pleno da Corporación.
De ser certo ese argumento, aparece unha pregunta tan evidente como incómoda para o goberno local: se o convenio carecía de validez, por que o Concello de Betanzos leva máis de quince anos actuando como se estivese plenamente vixente?
Porque esa é a realidade. Durante todo este tempo, con gobernos municipais de diferentes cores políticas, o concello asumiu o mantemento do porto -aínda que dun xeito insuficiente e precario- conforme ao establecido nese acordo, sen que ninguén cuestionara as obrigas que del se derivaban.
Resulta sorprendente que agora, cando o estado de conservación do porto é motivo de preocupación para a veciñanza e as persoas usuarias, apareza de súpeto a teoría da invalidez do convenio. Dá a sensación de que se pretende buscar unha escusa xurídica para evitar asumir responsabilidades políticas.
Convén lembrar, ademais, un dato que desmonta o relato interesado de María Barral. Ese convenio foi asinado en 2008, cando a Xunta de Galicia estaba gobernada polo bipartito PSOE-BNG. Polo tanto, non estamos ante unha decisión adoptada na Xunta por un goberno do Partido Popular, senón ante un acordo institucional promovido nun contexto político completamente distinto e asinado voluntariamente por administracións gobernadas por partidos de distinto signo político.
É difícil entender que ese documento pase agora a ser cuestionado precisamente cando hai que responder polo pésimo estado das instalacións. Se realmente existía algún defecto na súa tramitación, o razoable sería preguntarse por que ningún goberno municipal o detectou nin o corrixiu durante todos estes anos. E, sobre todo, por que se continuou actuando ao seu abeiro.
Os betanceiros e betanceiras non esperamos escusas nin interpretacións oportunistas. O que reclamamos é un porto ben conservado, seguro e que estea á altura do que a nosa cidade merece. Desde o Partido Popular seguiremos defendendo que as institucións actúen con responsabilidade, lealdade e coherencia. Porque non é serio afirmar hoxe que un convenio non vale despois de aplicalo durante máis de quince anos. E porque a política non pode consistir en cambiar de criterio segundo conveña ao discurso do momento.
Os feitos son teimudos e a María Barral só lle quedan dúas opcións: ou asumir o mantemento do porto ou denunciar o convenio e devolverlle as instalacións á Xunta de Galicia en perfecto estado. Que se deixe de enredar e asuma a súa responsabilidade.