A mellora da AC-452 en Infesta, máis cerca
Betanzos avanza cando se escoita á veciñanza, se planifica con rigor, se destinan os recursos necesarios e se executan proxectos que responden ás necesidades reais da poboación e do tecido económico local. A actuación prevista en Infesta para mellorar a seguridade vial e a accesibilidade peonil na estrada AC-542 é un bo exemplo desa forma de facer as cousas.
A Xunta de Galicia vén de convocar para finais deste mes de maio o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos necesarios para facer realidade unha intervención moi demandada na zona desde hai anos. Estamos a falar dun investimento de 1,4 millóns de euros que permitirá actuar no tramo de 2,4 quilómetros que comprende desde o cruce coa AC-840 ata o enlace coa A-6.
Infesta é un punto estratéxico do noso municipio, porque, ademais de conectar vías principais, é unha zona de paso diario para milleiros de persoas. Por iso, desde o Partido Popular de Betanzos transmitimos en todo momento que a mellora da AC-542 era unha actuación prioritaria, ao repercutir directamente na calidade de vida da veciñanza, na súa mobilidade e na actividade económica local.
O proxecto incorpora avances importantes, como a creación dun itinerario peonil continuo e accesible, a mellora da visibilidade nos accesos e a reorganización de elementos como paradas de autobús, zonas de estacionamento ou refuxios, que ata agora xeraban situacións de risco. Outro dos aspectos relevantes é a incorporación dun carril central de xiro cara á N-VI en dirección A Coruña, unha medida que facilitará a circulación, reducirá retencións e aumentará a seguridade nun punto que resultaba especialmente complexo para os condutores.
É de agradecer por parte do departamento autonómico que dirixe María Martínez Allegue a sensibilidade demostrada coas demandas veciñais e de colectivos como Stop Accidentes, permitindo integrar no proxecto novos criterios sociais que reforzarán a protección das persoais máis vulnerables na contorna do centro Pai Menni.
Ademais, o proxecto recolle demandas veciñais históricas, como a construción de novas beirarrúas, a habilitación de pasos de peóns máis seguros ou a limitación de determinados xiros perigosos. Todo isto complétase cun reforzo da sinalización e coa ampliación das zonas con limitación de velocidade, medidas que contribuirán a unha circulación máis ordenada e segura.
Desde o Partido Popular de Betanzos valoramos positivamente este tipo de actuacións, que responden a unha visión global e que apostan por un modelo de mobilidade máis segura, accesible e preparada para o futuro. Agora toca seguir avanzando e garantindo que os prazos se cumpran e que a execución do proxecto se realice co máximo rigor.