A economía do centro histórico é circular
O centro histórico de Betanzos non é un decorado, nin un museo ao aire libre, nin un espazo pensado unicamente para ser contemplado. É un lugar vivo: con veciñanza, con comercio, con hostalaría, con servizos e con actividade económica cotiá. Precisamente por iso, calquera decisión que afecte á súa mobilidade debe tomarse con responsabilidade, con rigor técnico e, sobre todo, escoitando á sociedade.
O goberno local está a impulsar un plan de restriccións de acceso do tráfico ao centro histórico, acompañado dun sistema de videocámaras de control e vixilancia. A idea de ordenar o tráfico, avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e protexer o valor patrimonial da cidade é algo que ninguén discute. Pero o problema non é o obxectivo, senón como se está a facer. A regulación presentada polo goberno municipal nace cunha importante falta de consenso social e de planificación. Por exemplo, non se acompaña dunha memoria do impacto económico que pode ter sobre sectores como o comercio tradicional e a hostalaría, nin dun estudo previo da mobilidade. Estamos, en definitiva, ante unha norma que introduce restricións importantes, sen demostrar que son necesarias, proporcionadas e que van ser útiles e positivas.
Iso é especialmente preocupante nunha contorna como o noso centro histórico, onde vive unha poboación en boa medida envellecida e que depende da accesibilidade para as súas xestións cotiás e onde o comercio de proximidade segue a ser un elemento esencial da vida urbana.
Se acceder ao centro histórico se percibe como un problema, se se transmite a sensación de que entrar supón un risco constante de multa, o resultado será moi claro: menos xente acudirá a comprar, a actividade económica reducirase, acelerarase o peche de establecementos e, en xeral, haberá máis dificultades para que o centro siga a ter vida. E en Betanzos non podemos permitirnos iso.
Outros problemas da proposta municipal son a súa falta de claridade técnica, que abre a porta a situacións de inseguridade xurídica que non deberían existir nunha regulación deste tipo. Tamén resulta discutible o límite de acceso de só 30 minutos para os vehículos non residentes, porque é un tempo insuficiente para moitas actividades cotiás. Un límite tan restritivo pode acabar disuadindo directamente o acceso ao centro histórico.
A iso súmanse outras cuestións que afectan directamente á actividade económica: horarios de carga e descarga demasiado limitados, restricións de peso para vehículos de reparto que non teñen unha xustificación técnica clara ou procedementos administrativos que poden tardar ata un mes en resolverse. Todo iso xera dificultades reais para comerciantes, provedores e profesionais que necesitan acceder ao centro para traballar.
Desde o Partido Popular defendemos algo moi sinxelo: ordenar o tráfico si, pero facelo con sentido común. O centro histórico de Betanzos necesita protección, pero tamén necesita vida. Necesita visitantes, necesita actividade económica e necesita veciñanza que queira seguir vivindo nel.
Se convertimos o acceso nun labirinto de restricións, burocracia e sancións, estaremos facendo exactamente o contrario do que dicimos querer conseguir. Porque o verdadeiro reto non é pechar o centro histórico. O verdadeiro reto é mantelo vivo. Por iso elaboramos unha alegación colectiva e recolleremos sinaturas nos vindeiros días para forzar ao goberno local a mellorar a súa proposta de regulación.