2025, outro ano perdido para Betanzos
Remata un ano máis e, desgraciadamente, véxome na obriga de dicir que alá vai outro ano perdido para Betanzos. E non é esta unha afirmación lixeira nin unha crítica partidista ao goberno local. É a constatación do acontecido durante os últimos 365 días no noso concello. Porque en política un ano non se perde de repente; pérdese pouco a pouco, con decisións que non se toman, coa aprobación de medidas erradas, con proxectos que non arrancan, con problemas que se enquistan e con oportunidades que se deixan escapar. E isto é precisamente o que aconteceu en Betanzos neste 2025.
A xestión económica é o mellor exemplo do fracaso do goberno de María Barral, xa que remata o exercicio sen tan sequera presentar os orzamentos municipais, cunha débeda que supera os 6,5 millóns de euros, despois de subir a presión fiscal co incremento do IAE e cunha sensación xeralizada de esgotamento político e unha absoluta falta de rumbo. Esta non é a visión do Partido Popular de Betanzos, senón que é unha realidade que perciben cada vez máis veciños, comerciantes, empresarios, colectivos de diferentes sectores, etc.
Ademais, esta nefasta xestión económica e un gasto descontrolado non se traduciron en melloras relevantes para a veciñanza, xa que nin se impulsaron proxectos transformadores, nin se corrixiron as carencias en servizos e demandas prioritarias como a limpeza e o mantemento viario e de espazos públicos, o tráfico, a seguridade cidadá, a vivenda, etc.
É unha percepción practicamente unánime que Betanzos está peor que hai un ano e que necesita un cambio. Sobre todo, porque neste contexto, no que son imprescindibles o liderado e o diálogo para buscar solucións, o goberno local está máis preocupado de facerlle oposición ao Partido Popular e de enfrontarse á Xunta de Galicia que de gobernar. É unha actitude completamente estéril e profundamente irresponsable.
Desde o Partido Popular seguiremos a traballar con intensidade en 2026 para que o cambio de rumbo, de actitude e de prioridades que demanda a veciñanza poida facerse posible en 2027. Seguimos a consolidarnos como unha alternativa solvente e ilusionante, co propósito de liderar o cambio que necesita Betanzos, porque xa non podemos permitirnos máis anos perdidos.